luns, 19 de marzo de 2018

Redondela na Historia


PUNTO DE INVESTIGACIÓN

REDONDELA NA HISTORIA




ACCESO Á HEMEROTECA DO FARO DE VIGO (1853-2018)

Co contrato realizado polo Faro de Vigo para permitir o acceso da nosa veciñanza ós fondos da hemeroteca do diario decano da prensa española, o Concello de Redondela dá comezo e presenta a creación dos Puntos de Investigación sobre Redondela na Historia.


Esta rede consta de tres puntos de acceso:

  • Arquivo documental e Arquivo audiovisual do Concello de Redondela (Casa do Concello, r/ Alfonso XII, 2, Redondela Teléfono 986400300 arquivo@redondela.gal).

Nestes tres puntos pódense atopar en relación á Historia de Redondela:

.- Documentos: Os documentos administrativos xerados e recibidos polo Concello de Redondela dende o 1848 ata hoxe en día. Ordenados e clasificados no Arquivo Municipal.

.- Fotografías: Fondos audiovisuais dixitalizados, cedidos pola veciñanza. Coleccións privadas de fotografías de paisaxes e xentes Redondela que debuxan as imaxes da nosa historia. No Arquivo Municipal e no blog :  https://arquivoaudiovisualredondela.blogspot.com.es/

.- Fondo local bibliográfico: Fondos en diferentes soportes que tratan sobre o noso municipio e os seus persoeiros, obras de autores locais e obras impresas na localidade. Nas Bibliotecas do Concello (Redondela e Chapela).

A todas estas fontes primarias da Historia, podemos engadir dende o 15 de Marzo do 2018, a posibilidade de acceder á Hemeroteca completa do Faro de Vigo (1853-2018).

Deste xeito, dende o Concello de Redondela preténdese completa-la visión da nosa Vila de Redondela, engadindo o reflexo que na prensa escrita tivo ó longo dos anos. Para investigar, para indagar ou simplemente para fedellar e achegarse deste xeito ó noso pasado.


O acceso á hemeroteca do Faro de Vigo realízase online, dende ordenadores habilitados nas propias instalacións do arquivo e bibliotecas municipais. O acceso é libre, pero deberase cubrir un impreso que será facilitado polas traballadoras do servizo, para deixar constancia do uso do servizo.
A busca, grazas ó OCR (Optical Character Recognition, Recoñecemento óptico de caracteres) permite filtrar tódolos números do diario informativo por termos concretos, pero tamén por datas. As traballadoras guiarán e asesorarán ás persoas interesadas á hora de navegar e mergullar por entre a historia dende o ano 1853 (nacemento do xornal) ata o día de hoxe.

E por iso que nos poñemos en contacto contigo: para dar a coñecer a nova ferramenta de investigación e a actualización permanente das ferramentas xa existentes. Por se puidera axudarte nos teus traballos, nas túas inquedanzas ou na túa vida persoal.

O persoal das Bibliotecas e Arquivos do Concello de Redondela mostrámonos disposto a axudarte en calquera dúbida que en relación ó uso dos nosos servizos puidera xurdir. Animámoste a indagar na Historia da nosa vila, a través das súas fontes primarias ou secundarias, e abrimos as nosas portas (aínda mais) para recibir as túas dúbidas, opinións e ideas.

xoves, 8 de febreiro de 2018

FERRADOS....esa historia sen medida.

Hoxe, sachando na U/I 433 atopamos o expediente número 6, descrito na Base de datos do Arquivo municipal de Redondela do seguinte xeito:


Dentro del, coas táboas de valoración para a elaboración do Padrón de Contribución Rústica dos anos 1910 ó 1958, apareceu:











Trátase dun documento sen datar, probablemente da primeira década do s. XX (polo tipo de papel e a grafía) no que se fai constar o seguinte:

"Un ferrado es equivalente a 16 varas.
Una vara es equivalente a 4,41 metros
Un ferrado ó sean 16 varas es igual a 70 y 1/2 metros cuadrados
un área son 100 metros cuadrados equivalentes a 22 varas
Una área, es un ferrado y seis varas
Una area son 2 estadales
_____________
Una area de labradío equivale a m J. de 1'56
Dos areas de tojas equivale a m. J. de 1'56"

Un ferrado....unha vara....e unha equivalencia métrica concreta..

Aproveitando que nestes días están no Arquivo do Concello de Redondela dous Historiadores que dende a Deputación de Pontevedra están a traballar a reo na descripción documental do Arquivo, pregunteilles qué era exactamente o do ferrado, o da vara...  Uxío Reinoso Maset e Nacho Álvarez Martínez armáronse de paciencia e con moita calma contáronme:

En resumo: trátase dunha medida non métrica inicialmente (isto xa sona raro). 

Un ferrado era un caixón de madeira co que se medía o gran. Antigamente as leiras non se medían en hectáreas, nen metros cadrados, senón por unha medida moito mais práctica e concreta: a cantidade de gran que producía ou que, segundo Uxío, a cantidade de gran que pudiera ser necesario para sementar esa leira.

Imaxe sacada da páxina web http://www.oferrado.es/queesferrado.htm


Co paso do tempo esa medida de capacidade relacionouse coa medida de superficie, ata acabar identificando a medida do ferrado cunha medida de extensión.

Pero o curioso do caso é que o ferrado varía dependendo do lugar, pois vai ligado en orixe á fertilidade do chan. Coma se reflexa no artigo do 2010 no periódico "El País", "Lo normal es que ronde entre los 400 y los 600 metros cuadrados, pero si en Soutomaior mide 64, en Redondela el ferrado está en 69; y en Fornelos de Montes y Pazos de Borbén, en 74. En la otra punta de la tabla, en Portomarín, mide 671; en Alfoz, Baleira, O Valadouro, Barreiros o Foz, 714; y en Xove y Cervo, 725"

https://elpais.com/diario/2010/04/04/galicia/1270376297_850215.html

Hoxe atopamos no Arquivo a proba de que non, de que o Ferrado en Redondela non equivale a 69 metros cadrados, senón a 70 e medio metros cadrados. É un descobremento ideal, xenial, que marca a singularidade do noso pobo, tamén á hora de medir as cousas.


Interesante, non si?